Thursday 28 de March de 2024

A Xunta renova o apoio á marca Mar de Santiago na súa aposta por un turismo sostible e de calidade vencellado ao Camiño de Santiago


 A directora de Turismo de Galicia asinou o convenio cos alcaldes de Vilanova, Catoira, Pontecesures e Valga para afianzar a marca como un multidestino turístico

 Nava Castro indicou que a finalidade principal é seguir levando a cabo actuacións que repercutan positivamente nestas vilas, na súa economía e faciliten aos peregrinos o seu paso por esta variante do Camiño de Santiago

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asinou hoxe cos alcaldes dos concellos de Pontecesures, Valga, Catoira e Vilanova de Arousa a renovación do convenio “Mar de Santiago 2022”, para a promoción desta zona vencellada ao Camiño de Santiago e ao Xacobeo.

Nava Castro indicou que a Xunta aposta por un turismo sostible e de calidade e, nese contexto, a Xunta apoiou o pasado ano a creación e promoción da marca Mar de Santiago e o seu desenvolvemento por parte destes 4 concellos da ría arousá co obxectivo de promover un turismo de calidade, sustentabilidade e autenticidade, na defensa dos valores de Arousa e na procura dun turismo tranquilo e seguro.

“O obxectivo é que se identifique o mar de Arousa co itinerario vencellado á chegada dos restos do apóstolo a Galicia; é dicir, a Ruta do Mar de Arousa e do Río Ulla, por iso este Mar de Santiago non podía quedar á marxe das actuacións do Xacobeo, de aí que demos continuación a este convenio de promoción como estratexia de turismo sostible e de calidade” resaltou a directora de Turismo de Galicia.

O convenio hoxe asinado conta con 168.000 euros, dos cales 128.000 euros son aportados pola Xunta e 40.000 € polos concellos de Vilanova, Catoira, Pontecesures e Valga para a continuidade turística da marca.

A finalidade é chegar a un acordo con touroperadores para deseñar un produto baseado no que o peregrino, ou o turista, que chega a Compostela poida acercarse ata Mar de Santiago, facer o percorrido en barco desde Vilanova hasta Pontecesures ou viceversa e desfrutar dunha ampla gama de propostas para coñecer e desfrutar deste territorio.

Ademais desenvolverase un proxecto de transportes en autobús mediante un circuíto que funcionará mediante o sistema coñecido como Hop On – Hop Off, de maneira que o cliente poida subir e baixar tantas veces como queira co mesmo billete, entre as cidades de Pontecesures, Valga, Catoira, Vilanova de Arousa.

E mediante o transporte de barcos con un acordo de colaboración cos operadores, garantindo así que sempre haberá unha embarcación dispoñible, ademais de levar a cabo actuacións para a recuperación dos atraques e acometer accións que axuden a mellorar as fachadas das empresas Nestlé e Finsa mediante as actuacións paisaxísticas adecuadas.

“Todo coa finalidade de seguir levando a cabo actuacións que repercutan positivamente nestas vilas, na súa economía e faciliten aos peregrinos o seu paso por esta variante do Camiño de Santiago”, rematou Nava Castro.